O club Galeano está a ler

Na primeira reunión do Club de lectura acordouse, despois de un animado debate, comezar con dúas obras:

Ollos de auga

A novela Ollos de auga, de Domingo Villar foi hai uns anos un auténtico éxito editorial que logo continuou co seu segundo libro, A praia dos afogados.

Trátase de novela negra, literatura trepidante que engaiola ao lector e que non o deixa ata o remate. Asistimos a un horrendo crime e á correspondente investigación por parte da parella de protagonistas. Por suposto, o que irán descubrindo será sorprendente e irá desvelando unha realidade moito máis complexa da que nos imaxinamos.

E, por suposto, non hai que esquecer o marco onde se desenvolve toda a acción: unha cidade de Vigo marabillosamente retratada nos seus máis diversos ambientes. Seguro que cando completedes a lectura da obra quereredes perdervos polas rúas desa estupenda cidade e visitar os recantos polos que deambula o inspector Leo Caldas.

 

 

Un segundo grupo de lectoras optou por un auténtico clásico, un dos libros máis lidos da historia:

A portada da edición alemana do Diario

Nin máis nin menos que o Diario de Anne Frank. Que dicir dunha obra tan estarrecedora e tenra á vez. Lectura obrigada para todo ser humano nalgún momento da súa vida é un testemuño real da tolemia nazi que aínda palpita por veces na sociedade. Son as impresións dunha mociña que aínda está deixando a infancia e se vai internando no mundo adulto dun xeito terrible: mediante a reclusión no que hoxe chamariamos un zulo. Por que? Para fuxir do horror dos campos de concentración.

O demais deberedes descubrilo por vós mesmos/as. Agardamos os vosos comentarios!

 

 

 

Publicado por

clubgaleano

Blog do Club de lectores Galeano IES Camilo José Cela (Padrón)