A Época Vitoriana

Moi bo ano a todas as lectoras e a todos os lectores. Perdoade a tardanza, aínda que aquí estamos de novo para darvos algunha información que a bo seguro ilustrará as vosas lecturas de Nadal, que como xa sabemos foron as novelas das irmás Charlotte e Emily Brontë.

A época na que viviron as dúas irmás recibe o nome de Época ou Era Vitoriana polo reinado da Raíña Vitoriade Inglaterra. O reinado desta muller é moi duradeiro (1837-1901) e caracterízase por ser a etapa máis longa e próspera da Inglaterra moderna.

A raíña Vitoria I

No dilatado lapso de tempo que conforma o reinado de Vitoria I, a Grande Bretaña consolidarase como potencia económica e imperial e producirase un desenvolvemento da economía e da industria. A sociedade pasará definitivamente dun réxime agrario e rural a unha economía industrial e urbana, o que traerá consigo a consolidación da burguesía como clase social dominante. Todo isto asociarase a unha conciencia de nación poderosa e a unha grande confianza nas propias posibilidades e na cultura e os costumes do imperio.

Trátase dunha época profundamente conservadora marcada pola relixiosidade extrema e a preocupación pola orde e os bos costumes. Existe unha ríxida moral que leva a ocultar os vicios da sociedade e os impulsos amorosos e sexuais.

As novelas Outeiros ventosos e Jane Eyre, ambas publicadas en 1847, en plena era vitoriana, son un bo reflexo da época, pois poñen de manifesto as paixóns e sentimentos que se agochan baixo a fachada dunha sociedade opulenta e satisfeita de si mesma.

Publicado por

clubgaleano

Blog do Club de lectores Galeano IES Camilo José Cela (Padrón)