Enlaces relacionados co Diario de Anne Frank

Recoméndamosche os seguintes enlaces a contidos na web realcionados coa lectura do Diario:
· Canle oficial de Anne Frank en You Tube
· Museo Anne Frank

E para que non o esquezades, aquí vos vai o vídeo que vimos na sesión dedicada ao diario no que se mostra unha visita virtual ao espazo no que viviron as dúas familias durante dous anos. Estremecedor.


E xa para rematar, queremos agradecer a visita do profesor de Xeografía e Historia do instituto, Xoán Santaló. Acudiu para falarnos do período nazi e ademais veu acompañado do seu fillo Carlos, exalumno do centro e unha auténtica enciclopedia de coñecementos históricos! Grazas.

O club Galeano está a ler

Na primeira reunión do Club de lectura acordouse, despois de un animado debate, comezar con dúas obras:

Ollos de auga

A novela Ollos de auga, de Domingo Villar foi hai uns anos un auténtico éxito editorial que logo continuou co seu segundo libro, A praia dos afogados.

Trátase de novela negra, literatura trepidante que engaiola ao lector e que non o deixa ata o remate. Asistimos a un horrendo crime e á correspondente investigación por parte da parella de protagonistas. Por suposto, o que irán descubrindo será sorprendente e irá desvelando unha realidade moito máis complexa da que nos imaxinamos.

E, por suposto, non hai que esquecer o marco onde se desenvolve toda a acción: unha cidade de Vigo marabillosamente retratada nos seus máis diversos ambientes. Seguro que cando completedes a lectura da obra quereredes perdervos polas rúas desa estupenda cidade e visitar os recantos polos que deambula o inspector Leo Caldas.

 

 

Un segundo grupo de lectoras optou por un auténtico clásico, un dos libros máis lidos da historia:

A portada da edición alemana do Diario

Nin máis nin menos que o Diario de Anne Frank. Que dicir dunha obra tan estarrecedora e tenra á vez. Lectura obrigada para todo ser humano nalgún momento da súa vida é un testemuño real da tolemia nazi que aínda palpita por veces na sociedade. Son as impresións dunha mociña que aínda está deixando a infancia e se vai internando no mundo adulto dun xeito terrible: mediante a reclusión no que hoxe chamariamos un zulo. Por que? Para fuxir do horror dos campos de concentración.

O demais deberedes descubrilo por vós mesmos/as. Agardamos os vosos comentarios!

 

 

 

O club de lectores Galeano está de volta!

E ademais estreámonos no blogomillo.

Xa choveu desde aqueles afastados días da década dos 90 en que un grupo de profesores e alumnas e alumnos do IES (daquela INB) Camilo Jose Cela de Padrón decidira xuntarse para ler e falar. Así de sinxelo. E tamén para escoitar, ver, escribir e sentir.

No presente curso 2011-2012, e a iniciativa do profesor Xaime Ortega (actual encargado da biblioteca do centro e antigo membro do club), un grupiño de toleiróns e toleironas decidiron retomar o labor do club. Parabéns e… a ler!