Charlotte Brontë e Jane Eyre

Charlotte Brontë
Charlotte Brontë

Charlotte Brontë (pronuncia “bronti”) foi a maior das cinco irmás Brontë. As tres que chegaron á vida adulta foron escritoras pero publicaron as súas obras baixo pseudónimo; Charlotte como Currer Bell.
A súa vida en Haworth (condado de Yorkshire) serviulle de inspiración para a súa obra literaria, na que, o mesmo que a súa irmá Emily, incorpora elementos paisaxísticos desta rexión inglesa.
Jane Eyre (pronuncia “ea”) publicouse en 1847 co título Jane Eyre. An Autobiography. Esta novela, adiantada ao seu tempo polo seu carácter protofeminista, mestura varios xéneros: é unha novela de formación (como David Copperfield e Great Expectations de Dickens) pero é tamén unha novela de crítica social (cunha fonda reflexión moral sobre os costumes da época vitoriana) e incorpora elementos da novela gótica.

A Época Vitoriana

Moi bo ano a todas as lectoras e a todos os lectores. Perdoade a tardanza, aínda que aquí estamos de novo para darvos algunha información que a bo seguro ilustrará as vosas lecturas de Nadal, que como xa sabemos foron as novelas das irmás Charlotte e Emily Brontë.

A época na que viviron as dúas irmás recibe o nome de Época ou Era Vitoriana polo reinado da Raíña Vitoriade Inglaterra. O reinado desta muller é moi duradeiro (1837-1901) e caracterízase por ser a etapa máis longa e próspera da Inglaterra moderna.

A raíña Vitoria I

No dilatado lapso de tempo que conforma o reinado de Vitoria I, a Grande Bretaña consolidarase como potencia económica e imperial e producirase un desenvolvemento da economía e da industria. A sociedade pasará definitivamente dun réxime agrario e rural a unha economía industrial e urbana, o que traerá consigo a consolidación da burguesía como clase social dominante. Todo isto asociarase a unha conciencia de nación poderosa e a unha grande confianza nas propias posibilidades e na cultura e os costumes do imperio.

Trátase dunha época profundamente conservadora marcada pola relixiosidade extrema e a preocupación pola orde e os bos costumes. Existe unha ríxida moral que leva a ocultar os vicios da sociedade e os impulsos amorosos e sexuais.

As novelas Outeiros ventosos e Jane Eyre, ambas publicadas en 1847, en plena era vitoriana, son un bo reflexo da época, pois poñen de manifesto as paixóns e sentimentos que se agochan baixo a fachada dunha sociedade opulenta e satisfeita de si mesma.

As lecturas de Nadal do noso clube

Reunión para comentar o Diario

O pasado martes día 29 de novembro rematamos a primeira xeira de reunións do clube de lectura co coloquio sobre o Diario de Anne Frank. Foi unha reunión moi interesante onde os lectores e lectoras mostramos as nosas opinións sobre esta fascinante rapaza, as súas dotes como escritora, a súa densa personalidade e as circustancias historicas que lle tocou vivir.

Como os exames abundan estes días e as vacacións de Nadal se achegan, decidimos reanudar as reunións en xaneiro. Pero, naturalmente, novas lecturas para ter dispostas nesas datas. As obras que vós mesmas/os decidistes ler son:

Outeiros ventosos

O título en galego poderiamos traducilo como Outeiros ventosos, aínda que seguro que vos soe máis a tradución castelá: Cumbres borrascosas. Por certo, para cando unha tradución ao galego? Aproveitamos o noso humilide blog para reivindicar a presenza desta grande novela na nosa lingua, na que, aínda que contamos xa con unha longa lista de títulos da literatura universal traducidos, aínda non temos ningunha das obras das irmás Brontë. Esperemos que isto se solucione canto antes.

A obra de Emily Brontë é unha gran novela romántica, de amores arrebatados e cun ambiente misterioso excepcionalmente deseñado. Non en van moitos autores a consideran influída pola novela gótica e de terror anglosaxoa. É unha obra moi popular, especialmente entre a xuventude de todas as épocas, ata o punto de que aos lectores da serie Crepúsculo vos será familiar por ser a lectura preferida da protagonista, Bella Swan.

 

Jane Eyre

E a outra novela elixida é Jane Eyre, da maior das irmás escritoras Brontë, Charlotte. Non é que quixeramos facer un monográfico sobre as irmás escritoras (e aínda nos faltaría unha, a menor, Anne Brontë) senón que non sabiamos por cal das dúas excelentes obras decantarnos.

Jane Eyre é o cume da novela romántica e narra a historia dunha moza orfa que vai traballar como institutriz da filla do propietario dunha misteriosa mansión. O amor xurdirá pero a protagonista sabe que se oculta un grande secreto nesa casa.

Tanto de Jane Eyre como de Outeiros ventosos se fixeron numerosas adaptacións cinematográficas. Así que, mellor logo de ler os libros, poderedes contemplar tamén as historias en imaxes. Boa lectura.