Sobre Ollos de auga

Na primeira sesión dedicada a Ollos de auga de Domingo Villar consultamos unha estupenda guía fotográfica polos lugares que se mencionan na novela. Ademais vimos un vídeo no que o escritor e membro do equipo da editorial Galaxia, Francisco Castro, entrevistaba a Domingo Villar. Para completar este, aquí vos poñemos outra interesante entrevista con el, pero esta realizada no IES de Porto do Son por parte dos alumnos do centro con motivo dunha visita do autor.

Con Domingo Villar e a súa novela «A praia dos afogados» from SonCine on Vimeo.

O club Galeano está a ler

Na primeira reunión do Club de lectura acordouse, despois de un animado debate, comezar con dúas obras:

Ollos de auga

A novela Ollos de auga, de Domingo Villar foi hai uns anos un auténtico éxito editorial que logo continuou co seu segundo libro, A praia dos afogados.

Trátase de novela negra, literatura trepidante que engaiola ao lector e que non o deixa ata o remate. Asistimos a un horrendo crime e á correspondente investigación por parte da parella de protagonistas. Por suposto, o que irán descubrindo será sorprendente e irá desvelando unha realidade moito máis complexa da que nos imaxinamos.

E, por suposto, non hai que esquecer o marco onde se desenvolve toda a acción: unha cidade de Vigo marabillosamente retratada nos seus máis diversos ambientes. Seguro que cando completedes a lectura da obra quereredes perdervos polas rúas desa estupenda cidade e visitar os recantos polos que deambula o inspector Leo Caldas.

 

 

Un segundo grupo de lectoras optou por un auténtico clásico, un dos libros máis lidos da historia:

A portada da edición alemana do Diario

Nin máis nin menos que o Diario de Anne Frank. Que dicir dunha obra tan estarrecedora e tenra á vez. Lectura obrigada para todo ser humano nalgún momento da súa vida é un testemuño real da tolemia nazi que aínda palpita por veces na sociedade. Son as impresións dunha mociña que aínda está deixando a infancia e se vai internando no mundo adulto dun xeito terrible: mediante a reclusión no que hoxe chamariamos un zulo. Por que? Para fuxir do horror dos campos de concentración.

O demais deberedes descubrilo por vós mesmos/as. Agardamos os vosos comentarios!

 

 

 

O club de lectores Galeano está de volta!

E ademais estreámonos no blogomillo.

Xa choveu desde aqueles afastados días da década dos 90 en que un grupo de profesores e alumnas e alumnos do IES (daquela INB) Camilo Jose Cela de Padrón decidira xuntarse para ler e falar. Así de sinxelo. E tamén para escoitar, ver, escribir e sentir.

No presente curso 2011-2012, e a iniciativa do profesor Xaime Ortega (actual encargado da biblioteca do centro e antigo membro do club), un grupiño de toleiróns e toleironas decidiron retomar o labor do club. Parabéns e… a ler!