Henning Mankel

 

Henning Mankell

Henning Mankell naceu en Estocolmo o 3 de febreiro de 1948, e aínda que é coñecido internacionalmente polas súas novelas policíacas, é un home de teatro.

Pasou a súa infancia nas vilas de Sveg e Borås, en que está ambientada a novela O retorno do profesor de baile, e con 20 anos principiou a súa carreira como autor e axudante de dirección no Riks Theater de Estocolmo, colaborando posteriormente con outros teatros de Suecia. As súas primeiras obras teatrais pretendían ser unha forma de denunciar as desigualdades da sociedade da época.

Durante parte da década de 1980 foi o director do Kronobergsteatern de Väjxö, onde obtivo un salientábel éxito de audiencia ao apostar por producir só obras de teatro suecas. En 1985 fundou o Teatro

Avenida en Maputo (Mozambique), onde reside a tempo parcial na actualidade. En 2001 cofundou a súa propia editorial, coa intención de apoiar novos talentos tanto de África como da propia Suecia.

Os seus libros están traducidos a 41 idiomas e levan vendido máis de 30 millóns de copias en todo o mundo. Conta tamén no seu haber con numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil, traballo que lle reportou en Suecia a mesma popularidade que a súa serie de novela negra.

George Orwell e A revolta dos animais

George Orwell
George Orwell

George Orwell non é o verdadeiro nome do autor d’A revolta dos animais, que en realidade se chamaba Eric A. Blair e que naceu na India en 1903, xa que era fillo dun funcionario da policia británica nese país.

A pesar desta orixe sería un activo militante antiimperialista, o que o levou a participar na guerra civil española para combater o exercito de Franco.  A revolta dos animais (tradución do orixinal inglés Animal Farm. A fairy story) é un reflexo desta mentalidade xa que constitúe unha crítica mordaz do totalitarismo comunista.

Orwell morreu de tuberculose en 1950.

G. Orwell e E. Allan Poe

Dous, nada menos que dous libros para ler esta quincena !E non son de amores nin de desamores, nin paixóns desatadas… Orwell, nada menos que Orwell: A revolta dos animais e Poe, E. Allan Poe: O gato negro e outras narracións.

 

Se queres saber máis de G. Orwell preme aquí.
Se queres saber máis preme aquí.
Se queres saber máis de E. A. Poe preme aquí.

 

A polémica esta vez desatouna Santaló:

– Lenin, era bo ou era malo? -Silencio administrativo.

Por fin, Ana, di que si, si era bo, pero…e vai e

declárase bolchevique ¿!

Santaló insiste:

-Lenín era bo ou era malo? -Volta ao silencio administrativo. Nada, ninguén, nada.

Martín, moi realista el, bísballe a Amália: «Capitalismo e comunismo = fracaso» 

Xaime lanza o reto de lectura:

– A ver quen identifica os personaxes reais que simbolizan os animais. Quen o faga terá premio.

Martín promete recitarnos The raven, O corvo. Esperamos non ter que dicirlle: NUNCA MÁIS!!!

E Daniel, ponse a recitar «La canción del pirata». ´Marchamos.

 

 

 

Máis sobre as recomendacións

As recomendacións eran para o nadal pero cambios estruturais de última hora, obrigáronnos a pospoñelo ata hoxe. Nada, que a cadeira A do noso Club Lector quedou libre; A de Alvarellos ,claro, que era o noso especialista blogueiro, pero non vos preocupedes -especialmente Sara e Anira-, algún día recuperarémolo. Pois como queda dito, a súa cadeira na ocupamos pero si ocupamos a cadeira V , uve de Violeta, a nosa nova compañeira, profesora de Lingua española á que desde aquí damos a nosa BENVIDA e tamén a Martín, a Ana de 2º de ESO; a Sara 1 e a Carme, de 4º, a David de 2º de BAC…

Empezamos, para cambiar de temática e modernizarnos un pouco, con autores de hoxe: Ismail Kadaré, albanés, premio Príncipe de Asturias. Non entusiasmou a todos, ata algunha houbo que culpou a seu pai de non lelo : como a papá non lle gustara… pois ela xa non o leu. Convidamos a papá -e seguimos convidándoo- a que viñese e opinase aquí con todos, pero nada. Agora estamos cos Capitâes da areia de Jorge Amado e este si que parece que entusiasma, pero diso… falaremos no próximo capítulo.

Ah, xa se me esquecía! Tamén fomos ver a Santiago, durante o ciclo de Cine Europa, a película «Wuthering Heights», máis coñecida por todos en «versión Xaime» como «Outeiros ventosos». Dirixida por unha muller, a británica Andrea Arnold, nunha versión que nada tiña que ver coas versións anteriores, tamén foi obxecto de polémica pero dela falaranvos Martín, Ana, Carme, Verónica… Saúdiña e… amor? Ou que?

RECOMENDACIÓNS

 O Club recomenda: Iria de Anxo Angueira porque é un anaco da historia de aquí, da nosa contorna Padrón , Dodro, Cesures…, unha epopea da xente de terra e de mar -ou de mar e terra que tanto ten-, xuntas loitando na posguerra por un mesmo ideal: a resistencia antifranquista.

 A nosa outra recomendación é Tonas de laranxa de Manolo Lorenzo Baleirón e a súa filla María que foi alumna nosa e por iso nos fai especial ilusión aínda que xa sabemos que teñen «xen» literario, algo, un pouquerrechichiño teremos nós ou… iso nos gustaría. Gañadora do Premio Xerais 2012, cóntanos historias e vidas da vila de Moreira conxugando lirismo, humor… E a min -debe de ser que tamén me entusiasma- faime lembrar a prosa e algún dos marabillosos -no sentido máis amplo da palabra- personaxes do gran Jorge Amado.

E como estamos cos de aquí -agora que todos tiran pa si non imos ser menos- tamén vos recomendamos o último libro do noso excompañeiro, Xavier Lorenzo,»o tipiño» que agora anda adoctrinando por outras terras. O Libro de deshoras, na liña que o caracteriza: sarcasmo, lirismo, e… CONTEMAS, CHISTEMAS E OUTRAS LETRAS DE X.P. O que queira saber máis, que o lea Raúl Gómez Pato, puxo os acrílicos: Ximnasio 1, Ximnasio 2… E tranquilos que aínda que Raúl tamén foi noso e anda por cercanías, neses ximnasios non están nin Conchita nin Joseán.

          

Jorge Amado

Caricatura de Jorge Amado

Caricatura de Jorge Amado

Jorge Amado naceu na cidade de Itabuna, situada ao sur do estado de Bahia (Brasil). Seu pai era dono dunha facenda alí mais cando tiña 1 ano de idade a súa familia estableceuse na cidade de Ilhéus, litoral de Bahia, onde Jorge pasou a súa infancia. Fixo os estudos secundarios na cidade de Salvador, capital do Estado. Neste período, comezou a traballar en xornais e a participar da vida literaria, sendo un dos fundadores da chamada Academia dos Rebeldes.

 

Jorge publicou a súa primeira novela, chamada O País do Carnaval en 1931, cando tiña 18 anos. Casou con Matilde Garcia Rosa dous anos despois, e en 1933 publicou a súa segunda novela, Cacau. Graduouse na Faculdade Nacional de Direito na cidade de Río de Xaneiro en 1935.

 

Foi militante comunista e tívo que se exiliar en Arxentina e Uruguai entre os anos 1941 e 1942, período en que fixo unha viaxe por América Latina. Desde 1950 ata 1952, Amado residiu en Checoslovaquia.

 

Ao volver a Brasil en 1955, Jorge Amado distanciouse da militancia política, pero sen deixar o Partido Comunista. Dedicouse, desde entón, integralmente á literatura. Foi electo, o 6 de abril de 1961 para a Academia Brasileira de Letras. Recibiu o título de Doutor Honoris Causa por diversas universidades. Tamén recibiu o título de Obá de Xangô na relixión Candomblé.

 

A súa obra foi adaptada ao cine, ao teatro e á televisión, e tamén foi tema de varios traballos de escolas de samba no Carnaval brasileiro. Os seus libros están traducidos a 49 idiomas e publicados en 55 países.

 

Jorge Amado morreu na cidade de Salvador o 6 de agosto de 2001. Foi cremado e as súas cinzas foron enterradas no xardín da súa casa o día 10 de agosto, cando cumpriría 89 anos.

Ismail Kadaré

Na obra de Ismail Kadaré (Girokastër, Albania, 1936) destaca especialmente a súa narrativa, a pesar de contar cunha estimábel obra poética e algunha incursión na literatura dramática.

Se ben nos comezos a obra de Kadaré era encadrada dentro do realismo socialista, trata con moita frecuencia os temas históricos dos Balcáns, especialmente dos pobos de lingua albanesa, achegándose en ocasións á historia contemporánea. Mestura estes temas con elementos lendarios ou fantásticos da tradición albanesa e, ao mesmo tempo trata a miúdo a experiencia do ser humano individual acurralado polo totalitarismo e as súas dinámicas absurdas, dun xeito que lembra en ocasións a narrativa de Kafka.

Un dos temas clave da súa obra é a configuración política e filosófica da identidade albanesa ao longo do tempo, que el entende como unha personalidade situada constantemente entre as influencias de Oriente e de Occidente. Así, é frecuente atopar nas súa novelas escenarios situados na ocupación otomá do actual territorio de lingua albanesa.

Así mesmo, é frecuente a aparición nas súas obras de elementos da tradición albanesa, como a música ou a literatura oral

As obras de Kadaré foron traducidas a máis de corenta linguas, e é o escritor albanés máis recoñecido internacionalmente. O seu nome soa con frecuencia entre os candidatos ao Nobel de Literatura. Entre outros premios, recibiu o Prix Mondial Cino del Duca en 1992 e o Premio Internacional Man Booker no ano 2005.

En 2009 foille concedido o Premio Príncipe de Asturias de las Letras en 2009.

Ismail Kadaré
Ismail Kadaré

A miña planta de laranxa lima

A miña planta de laranxa lima

Esta é a obra de maior suceso do escritor brasileiro José Mauro de Vasconcelos. Foi publicada en 1968 e sería logo traducida para 32 linguas e publicada en 19 países. Foi usada como libro de lectura nas escolas e, posteriormente, adaptada para o cinema, televisión e teatro.
É un libro cheo de tenrura cuxo protagonista se refuxia no espazo máxico da súa árbore, un refuxio para tanto sufrimento como a vida lle impuxo.
O libro retrata a historia dun meniño de cinco anos chamado Zezé, que pertencía a unha familia moi pobre e numerosa que pasaba por moitas dificultades. Zezé era un rapaciño moi interesado na vida, adoraba saber e aprender cousas novas, novas palabras, palabras difíciles que o seu tío Edmundo lle ensinaba.
Ao mudaren de casa, Zezé encontra un pequeno pé de laranxa lima, inicialmente a idea de ter unha árbore tan pequena non lle agrada moito, mais á medida que vai convivindo coa pequena árbore repara que ela fala e que é capaz de conversar consigo, tornándose así o seu grande amigo e confidente, aquel que lle daba todo o cariño que Zezé non recibía na casa da súa familia.

O lector

O lector
Portadas das traducións ao inglés e español

Para comprender ben o título desta novela é bo saber que o orixinal alemán (Der Vorleser) significa “o que le en voz alta”. Efectivamente, a relación inusual entre un adolescente e unha muller 21 anos maior narrada na novela aparece sustentada na atracción física que o narrador sente por Hanna (a súa compañeira de encontros eróticos) e o pracer que esta encontra na lectura en voz alta de obras clásicas que o adolescente lle dedica.

Pero Hanna garda para si varios secretos. Secretos concernentes á súa condición actual e secretos relativos ao seu pasado.

A novela trata o tema da culpa e da redención; e desde un punto de vista colectivo, a necesidade de enfrontarse cos erros do pasado. Tivo un gran éxito en Alemaña e foi traducida para 37 linguas. Recibiu numerosos premios.

O libro é de moi fácil lectura, xa que a prosa de Schlink é austera e sen adornos, o que contribúe a unha fría disección dos feitos narrados.
Schlink é un xurista alemán (xuíz e profesor de dereito) á parte de escritor.

París, século XVIII

Moitos autores, entre eles o noso admirado Fernández Paz, destacan o inicio dunha novela ou relato como definidor do que logo será a lectura completa. Poucos casos son tan significativos como o inicio de Das Parfum (O perfume), obra que estamos a ler e que leva o subtítulo Historia dun asasino:

No século XVIII viviu en Francia un dos homes máis xeniais e abominables dunha época que non escaseou en homes abominables e xeniais. Aquí contaremos a súa historia. Chamábase Jean Baptiste Grenouille e, se ben o seu nome, a diferenza do doutros monstros xeniais como De Sade, Saint-Just, Fouché, Napoleón, etc., xa caeu no esquecemento, non se debe de ningunha maneira a que Grenouille fora por detrás destes homes en arrogancia, desprezo polos seus semellantes, inmoralidade, nunha palabra, impiedade, senón a que o seu xenio e a súa única ambición se limitaban a un terreo que non deixa pegadas na historia: o efémero mundo dos olores.

Paris. Pont au Change e as vivendas que existían na época de O Perfume


Este inicio xa nos dá algunha das claves da obra. A acción sitúase en pleno século das luces e no berce mesmo da onda de reformismo cultural e científico que puxo á razón humana en primeiro plano e que caracterizou toda esa época: estámonos referindo, por suposto, ao Racionalismo e á Ilustración. Na Enciclopedia, ou Dicionario razoado das ciencias, as artes e os oficios, recompilouse todo o saber deste tempo e consolidouse un xeito obxectivo de interpretar a realidade que deixaba nun segundo plano a visión do mundo como obra divina.

O arco temporal que comprende a novela vai desde o 1738, data de nacemento do protagonista ata 1767, ano en que morre. Estes anos coinciden co reinado en Francia de Louis XV, sucesor do que foi chamado «Rei Sol» e antecesor do monarca decapitado na Revolución Francesa.

Nesta época,  Francia era unha nación poderosa en Europa, tomada como modelo cultural e político. O réxime absolutista representado polos monarcas Borbons parecía inamobible, a arte rococó resplandecía co seu luxo e colorismo e o enciclopedismo e as obras de autores como Voltaire, Rousseau ou Montesquieu confirmaban a Francia como faro intelectual do mundo occidental.

Pero detrás deste esplendor existía tamén unha sociedade moi desigual e profundamente inxusta no reparto das súas riquezas, na que as clases populares malvivían nas cada vez máis superpoboadas cidades nunhas condicións socioeconómicas e hixiénicas lamentables. Esta realidade, que estouparía en 1789 coa celebérrima Revolución, é a que mostra de xeito excepcional a novela que imos ler.