O lector

O lector
Portadas das traducións ao inglés e español

Para comprender ben o título desta novela é bo saber que o orixinal alemán (Der Vorleser) significa “o que le en voz alta”. Efectivamente, a relación inusual entre un adolescente e unha muller 21 anos maior narrada na novela aparece sustentada na atracción física que o narrador sente por Hanna (a súa compañeira de encontros eróticos) e o pracer que esta encontra na lectura en voz alta de obras clásicas que o adolescente lle dedica.

Pero Hanna garda para si varios secretos. Secretos concernentes á súa condición actual e secretos relativos ao seu pasado.

A novela trata o tema da culpa e da redención; e desde un punto de vista colectivo, a necesidade de enfrontarse cos erros do pasado. Tivo un gran éxito en Alemaña e foi traducida para 37 linguas. Recibiu numerosos premios.

O libro é de moi fácil lectura, xa que a prosa de Schlink é austera e sen adornos, o que contribúe a unha fría disección dos feitos narrados.
Schlink é un xurista alemán (xuíz e profesor de dereito) á parte de escritor.

Charlotte Brontë e Jane Eyre

Charlotte Brontë
Charlotte Brontë

Charlotte Brontë (pronuncia “bronti”) foi a maior das cinco irmás Brontë. As tres que chegaron á vida adulta foron escritoras pero publicaron as súas obras baixo pseudónimo; Charlotte como Currer Bell.
A súa vida en Haworth (condado de Yorkshire) serviulle de inspiración para a súa obra literaria, na que, o mesmo que a súa irmá Emily, incorpora elementos paisaxísticos desta rexión inglesa.
Jane Eyre (pronuncia “ea”) publicouse en 1847 co título Jane Eyre. An Autobiography. Esta novela, adiantada ao seu tempo polo seu carácter protofeminista, mestura varios xéneros: é unha novela de formación (como David Copperfield e Great Expectations de Dickens) pero é tamén unha novela de crítica social (cunha fonda reflexión moral sobre os costumes da época vitoriana) e incorpora elementos da novela gótica.