Charlotte Brontë e Jane Eyre

Charlotte Brontë
Charlotte Brontë

Charlotte Brontë (pronuncia “bronti”) foi a maior das cinco irmás Brontë. As tres que chegaron á vida adulta foron escritoras pero publicaron as súas obras baixo pseudónimo; Charlotte como Currer Bell.
A súa vida en Haworth (condado de Yorkshire) serviulle de inspiración para a súa obra literaria, na que, o mesmo que a súa irmá Emily, incorpora elementos paisaxísticos desta rexión inglesa.
Jane Eyre (pronuncia “ea”) publicouse en 1847 co título Jane Eyre. An Autobiography. Esta novela, adiantada ao seu tempo polo seu carácter protofeminista, mestura varios xéneros: é unha novela de formación (como David Copperfield e Great Expectations de Dickens) pero é tamén unha novela de crítica social (cunha fonda reflexión moral sobre os costumes da época vitoriana) e incorpora elementos da novela gótica.

A Época Vitoriana

Moi bo ano a todas as lectoras e a todos os lectores. Perdoade a tardanza, aínda que aquí estamos de novo para darvos algunha información que a bo seguro ilustrará as vosas lecturas de Nadal, que como xa sabemos foron as novelas das irmás Charlotte e Emily Brontë.

A época na que viviron as dúas irmás recibe o nome de Época ou Era Vitoriana polo reinado da Raíña Vitoriade Inglaterra. O reinado desta muller é moi duradeiro (1837-1901) e caracterízase por ser a etapa máis longa e próspera da Inglaterra moderna.

A raíña Vitoria I

No dilatado lapso de tempo que conforma o reinado de Vitoria I, a Grande Bretaña consolidarase como potencia económica e imperial e producirase un desenvolvemento da economía e da industria. A sociedade pasará definitivamente dun réxime agrario e rural a unha economía industrial e urbana, o que traerá consigo a consolidación da burguesía como clase social dominante. Todo isto asociarase a unha conciencia de nación poderosa e a unha grande confianza nas propias posibilidades e na cultura e os costumes do imperio.

Trátase dunha época profundamente conservadora marcada pola relixiosidade extrema e a preocupación pola orde e os bos costumes. Existe unha ríxida moral que leva a ocultar os vicios da sociedade e os impulsos amorosos e sexuais.

As novelas Outeiros ventosos e Jane Eyre, ambas publicadas en 1847, en plena era vitoriana, son un bo reflexo da época, pois poñen de manifesto as paixóns e sentimentos que se agochan baixo a fachada dunha sociedade opulenta e satisfeita de si mesma.