A cea

O escritor holandés Herman Koch publicou Het Diner (A cea na excelente tradución galega editada por Galaxia) no ano 2009. O éxito deste libro foi inmediato e consagrou a este autor, casado cunha española, que traballou ademais como actor e guionista de series de televisión.

A agudeza e o sarcasmo de Koch levan o lector a participar nunha cea nun restaurante de luxo (con todos os ritos e tópicos deste tipo de establecementos). Os asistentes, persoas «normais e correntes», cultas, educadas e «politicamente correctas», intentan solucionar graves problemas relacionados cos seus fillos… e con eles mesmos.

Os lectores galegos xa coñecen a Herman Koch, pois foi galardoado co IX Premio Novela Europea do Casino de Santiago precisamente por esta espléndida novela, que atrapa e deixa conmocionado ao lector pola súa temática e a crueza da súa narración. Un dos personaxes actúa como narrador e vainos debuxando a vida dunha, aparentemente, típica familia xove da Europa do benestar. Pero a novela vai abríndose e desvelando progresivamente unha realidade máis complexa e brutal, as aparencias iniciais vanse desfigurando e asistimos á intolerancia e á violencia que se agocha detrás duns personaxes de alto nivel cultural e social.

A novela tivo, desde a súa publicación en 2009, un enorme éxito  dentro e fóra do seu país. Xa hai unha adaptación cinematográfica realizada en Holanda, da que vos poñemos o tráiler. Desfrutade da lectura.

Comezamos de novo

El cartero de Neruda

 

 

Ardiente paciencia, o seu nome orixinal, é unha novela curta do escritor chileno Antonio Skármeta, publicada en 1985. É o desenvolvemento da película homónima que o autor estreara en 1983. Máis tarde, a novela inspirou a Michael Radford á cinta Il Postino, que foi estreada en 1994 e onde a acción transcorre en Italia anos antes dos feitos que suceden no libro. Foi adaptada tamén ao teatro. Despois do éxito da película de Radford, a novela, por razóns comerciais, pasou a chamarse O carteiro de Neruda.
Esta obra tivo un éxito enorme, foi traducida a unha trintena de linguas, adaptada ao cine, o teatro e a radio: «Existen más de cien versiones en el mundo», asegura Skármeta.

Argumento


Xuño de 1969. A Mario Jiménez, mozo de 17 anos, desagrádalle a súa vida, xa que, ao igual que o seu pai, el debe ser pescador. Pero un día decide converterse en carteiro, e é asignado a Isla Negra cun só cliente, Pablo Neruda, a quen diariamente leva cartas pero co cal nunca fala. Logo, Mario Jiménez e Pablo Neruda conversan sobre as metáforas, co tempo volvéndose bos amigos e Mario descobre que quere ser escritor ao igual que o seu ídolo. Tamén encontra o amor, unha rapaza chamada Beatriz, coa que ten relacións carnais, cuxa nai non aproba o seu novo pretendente. Pola súa banda Neruda convértese en embaixador en Francia.

O seu autor

O autor de 'O carteiro de Neruda'

Esteban Antonio Skármeta Vranicic (Antofagasta, 7 de novembro de 1940) é un escritor chileno e unha das máximas figuras da literatura do seu país. Descendente de croatas, cursou a carreira de Filosofía en Chile e a súa tese versou sobre o pensamento de José Ortega e Gasset.
En 1964 realiza estudos de posgrao en Estados Unidos, versando a súa tese sobre a narrativa de Julio Cortázar. Aquí, habitúase coa escena teatral, fílmica e musical de Manhattan e estuda teatro. Escribe tamén algúns contos emprazados en Norteamérica que constituirán a base das súas primeiras obras de ficción.
A pouco de regresar a Chile, comeza a traballar como director de teatro e convértese en profesor de Filosofía. Publica o seu primeiro libro de relatos El entusiasmo (1967); despois ensina Axioloxía e logo Literatura na Universidade de Chile. Por eses anos realiza labores esporádicos na televisión e forma parte dun programa de literatura na Canle da Universidade de Chile chamada Libro abierto e recibe o seu primeiro premio importante: o Premio Casa da América 1968 por Desnudo en el tejado.
Intelectual de esquerda, Skármeta foi membro do Movemento de Acción Popular e Unitaria (MAPU) nos anos da Unidade Popular. Despois do golpe militar o escritor sae do país xunto co cineasta Raúl Ruiz. A primeira escala foi Arxentina, onde publicou o seu terceiro libro de relatos: Tiro libre (1974). Logo partiu rumbo a Alemaña Occidental, onde grazas a unha bolsa puido escribir a súa primeira novela Soñe que la nieve ardía. A partir de 1979 traballou durante tres anos como profesor de Guión Cinematográfico en Berlín Oeste. É en Alemaña onde construíu a historia do carteiro de Neruda: primeiro para a radio alemá e logo como un guión.
En 1989 regresou a Chile, tras un longo exilio de case 16 anos. Ao ano seguinte funda un taller literario, por onde pasaron gran parte das novas xeracións de escritores. En 1992 creou e conduciu o programa de televisión El espectáculo de los libros.
En maio de 2000, durante a presidencia de Ricardo Lagos, foi nomeado embaixador en Alemaña, cargo que desempeñaría ata febreiro de 2003 e exerceu como catedrático nas universidades de Washington, San Luis, Misuri e Colorado.

Ismail Kadaré

Na obra de Ismail Kadaré (Girokastër, Albania, 1936) destaca especialmente a súa narrativa, a pesar de contar cunha estimábel obra poética e algunha incursión na literatura dramática.

Se ben nos comezos a obra de Kadaré era encadrada dentro do realismo socialista, trata con moita frecuencia os temas históricos dos Balcáns, especialmente dos pobos de lingua albanesa, achegándose en ocasións á historia contemporánea. Mestura estes temas con elementos lendarios ou fantásticos da tradición albanesa e, ao mesmo tempo trata a miúdo a experiencia do ser humano individual acurralado polo totalitarismo e as súas dinámicas absurdas, dun xeito que lembra en ocasións a narrativa de Kafka.

Un dos temas clave da súa obra é a configuración política e filosófica da identidade albanesa ao longo do tempo, que el entende como unha personalidade situada constantemente entre as influencias de Oriente e de Occidente. Así, é frecuente atopar nas súa novelas escenarios situados na ocupación otomá do actual territorio de lingua albanesa.

Así mesmo, é frecuente a aparición nas súas obras de elementos da tradición albanesa, como a música ou a literatura oral

As obras de Kadaré foron traducidas a máis de corenta linguas, e é o escritor albanés máis recoñecido internacionalmente. O seu nome soa con frecuencia entre os candidatos ao Nobel de Literatura. Entre outros premios, recibiu o Prix Mondial Cino del Duca en 1992 e o Premio Internacional Man Booker no ano 2005.

En 2009 foille concedido o Premio Príncipe de Asturias de las Letras en 2009.

Ismail Kadaré
Ismail Kadaré

O lector

O lector
Portadas das traducións ao inglés e español

Para comprender ben o título desta novela é bo saber que o orixinal alemán (Der Vorleser) significa “o que le en voz alta”. Efectivamente, a relación inusual entre un adolescente e unha muller 21 anos maior narrada na novela aparece sustentada na atracción física que o narrador sente por Hanna (a súa compañeira de encontros eróticos) e o pracer que esta encontra na lectura en voz alta de obras clásicas que o adolescente lle dedica.

Pero Hanna garda para si varios secretos. Secretos concernentes á súa condición actual e secretos relativos ao seu pasado.

A novela trata o tema da culpa e da redención; e desde un punto de vista colectivo, a necesidade de enfrontarse cos erros do pasado. Tivo un gran éxito en Alemaña e foi traducida para 37 linguas. Recibiu numerosos premios.

O libro é de moi fácil lectura, xa que a prosa de Schlink é austera e sen adornos, o que contribúe a unha fría disección dos feitos narrados.
Schlink é un xurista alemán (xuíz e profesor de dereito) á parte de escritor.

París, século XVIII

Moitos autores, entre eles o noso admirado Fernández Paz, destacan o inicio dunha novela ou relato como definidor do que logo será a lectura completa. Poucos casos son tan significativos como o inicio de Das Parfum (O perfume), obra que estamos a ler e que leva o subtítulo Historia dun asasino:

No século XVIII viviu en Francia un dos homes máis xeniais e abominables dunha época que non escaseou en homes abominables e xeniais. Aquí contaremos a súa historia. Chamábase Jean Baptiste Grenouille e, se ben o seu nome, a diferenza do doutros monstros xeniais como De Sade, Saint-Just, Fouché, Napoleón, etc., xa caeu no esquecemento, non se debe de ningunha maneira a que Grenouille fora por detrás destes homes en arrogancia, desprezo polos seus semellantes, inmoralidade, nunha palabra, impiedade, senón a que o seu xenio e a súa única ambición se limitaban a un terreo que non deixa pegadas na historia: o efémero mundo dos olores.

Paris. Pont au Change e as vivendas que existían na época de O Perfume


Este inicio xa nos dá algunha das claves da obra. A acción sitúase en pleno século das luces e no berce mesmo da onda de reformismo cultural e científico que puxo á razón humana en primeiro plano e que caracterizou toda esa época: estámonos referindo, por suposto, ao Racionalismo e á Ilustración. Na Enciclopedia, ou Dicionario razoado das ciencias, as artes e os oficios, recompilouse todo o saber deste tempo e consolidouse un xeito obxectivo de interpretar a realidade que deixaba nun segundo plano a visión do mundo como obra divina.

O arco temporal que comprende a novela vai desde o 1738, data de nacemento do protagonista ata 1767, ano en que morre. Estes anos coinciden co reinado en Francia de Louis XV, sucesor do que foi chamado «Rei Sol» e antecesor do monarca decapitado na Revolución Francesa.

Nesta época,  Francia era unha nación poderosa en Europa, tomada como modelo cultural e político. O réxime absolutista representado polos monarcas Borbons parecía inamobible, a arte rococó resplandecía co seu luxo e colorismo e o enciclopedismo e as obras de autores como Voltaire, Rousseau ou Montesquieu confirmaban a Francia como faro intelectual do mundo occidental.

Pero detrás deste esplendor existía tamén unha sociedade moi desigual e profundamente inxusta no reparto das súas riquezas, na que as clases populares malvivían nas cada vez máis superpoboadas cidades nunhas condicións socioeconómicas e hixiénicas lamentables. Esta realidade, que estouparía en 1789 coa celebérrima Revolución, é a que mostra de xeito excepcional a novela que imos ler.

O perfume

Patrick Suskind
Patrick Suskind

Patrick Süskind, o autor desta novela, naceu en 1949 en Ambach (Alemaña). Após os seus estudos de Historia traballou como guionista televisivo para series da televisión alemá.
Aínda que a súa primeira obra literaria foi O contrabaixo, unha peza teatral que se estreou en Múnic e chegou ás 500 representacións, a sona internacional chegoulle c’O Perfume, publicada en 1985 e que foi traducida a máis de 40 linguas.
O protagonista da historia é Jean-Baptiste Grenouille, un aprendiz de perfumista nacido sen cheiro corporal, mais posuidor dun extraordinario sentido do olfacto.
Un día Grenouille encontra unha moza cun perfume totalmente diferente de todos os outros millares de perfumes que gardaba na memoria, e acabará por matala, coas súas propias mans, de tanto desexar apoderarse do seu cheiro. Mais, esta moza é apenas unha das moitas xoves que o protagonista acaba por matar (26 no total), en busca do perfume perfecto.
A novela explora a relación entre os cheiros e as emocións que poden evocar. É unha novela sobre a identidade e a moralidade humanas.