El retorno del profesor de baile

El RETORNO DEL PROFESOR DE BAILE. Xa ían sendo horas de que coñecerades un dos primeiros -e dos mellores- autores de novela negra de Suecia, aquel de Zapatos italianos que lemos hai uns aniños… tres? catro…?

Mellores, non quere dicir «que máis gustan». Se un non o puido deixar en toda a noite, a outra resúltalle demasiado violento e abandona; algún pérdese con tantos nomes «raros» e, os demais, están de exames ata…setembro!! Vale, pois ata setembro o deixamos e, despois do verán discutiremos con máis enerxía que, as nosas, tamén son renovables .

Ah, e atención á prensa: xa vimos na novela como o colaboracionismo cos nazis tamén existiu en Suecia e as noticias de actualidade refiren que os neonazis volven dar guerra nese «paraíso de tolerancia» que todos envexabamos sempre.

Henning Mankel

 

Henning Mankell

Henning Mankell naceu en Estocolmo o 3 de febreiro de 1948, e aínda que é coñecido internacionalmente polas súas novelas policíacas, é un home de teatro.

Pasou a súa infancia nas vilas de Sveg e Borås, en que está ambientada a novela O retorno do profesor de baile, e con 20 anos principiou a súa carreira como autor e axudante de dirección no Riks Theater de Estocolmo, colaborando posteriormente con outros teatros de Suecia. As súas primeiras obras teatrais pretendían ser unha forma de denunciar as desigualdades da sociedade da época.

Durante parte da década de 1980 foi o director do Kronobergsteatern de Väjxö, onde obtivo un salientábel éxito de audiencia ao apostar por producir só obras de teatro suecas. En 1985 fundou o Teatro

Avenida en Maputo (Mozambique), onde reside a tempo parcial na actualidade. En 2001 cofundou a súa propia editorial, coa intención de apoiar novos talentos tanto de África como da propia Suecia.

Os seus libros están traducidos a 41 idiomas e levan vendido máis de 30 millóns de copias en todo o mundo. Conta tamén no seu haber con numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil, traballo que lle reportou en Suecia a mesma popularidade que a súa serie de novela negra.

Sobre Ollos de auga

Na primeira sesión dedicada a Ollos de auga de Domingo Villar consultamos unha estupenda guía fotográfica polos lugares que se mencionan na novela. Ademais vimos un vídeo no que o escritor e membro do equipo da editorial Galaxia, Francisco Castro, entrevistaba a Domingo Villar. Para completar este, aquí vos poñemos outra interesante entrevista con el, pero esta realizada no IES de Porto do Son por parte dos alumnos do centro con motivo dunha visita do autor.

Con Domingo Villar e a súa novela «A praia dos afogados» from SonCine on Vimeo.

O club Galeano está a ler

Na primeira reunión do Club de lectura acordouse, despois de un animado debate, comezar con dúas obras:

Ollos de auga

A novela Ollos de auga, de Domingo Villar foi hai uns anos un auténtico éxito editorial que logo continuou co seu segundo libro, A praia dos afogados.

Trátase de novela negra, literatura trepidante que engaiola ao lector e que non o deixa ata o remate. Asistimos a un horrendo crime e á correspondente investigación por parte da parella de protagonistas. Por suposto, o que irán descubrindo será sorprendente e irá desvelando unha realidade moito máis complexa da que nos imaxinamos.

E, por suposto, non hai que esquecer o marco onde se desenvolve toda a acción: unha cidade de Vigo marabillosamente retratada nos seus máis diversos ambientes. Seguro que cando completedes a lectura da obra quereredes perdervos polas rúas desa estupenda cidade e visitar os recantos polos que deambula o inspector Leo Caldas.

 

 

Un segundo grupo de lectoras optou por un auténtico clásico, un dos libros máis lidos da historia:

A portada da edición alemana do Diario

Nin máis nin menos que o Diario de Anne Frank. Que dicir dunha obra tan estarrecedora e tenra á vez. Lectura obrigada para todo ser humano nalgún momento da súa vida é un testemuño real da tolemia nazi que aínda palpita por veces na sociedade. Son as impresións dunha mociña que aínda está deixando a infancia e se vai internando no mundo adulto dun xeito terrible: mediante a reclusión no que hoxe chamariamos un zulo. Por que? Para fuxir do horror dos campos de concentración.

O demais deberedes descubrilo por vós mesmos/as. Agardamos os vosos comentarios!